Translate

domingo, 10 de maio de 2026

Inventos Históricos

Nesta proposta de Ciencias Sociais, o alumnado converteuse en auténtico viaxeiro do tempo. A súa misión consistía en escoller unha etapa da Historia e recrear, mediante unha maqueta elaborada con distintos materiais, un invento ou descubrimento representativo dese período. Antes de comezar, traballamos na aula as diferentes opcións e coñecemos a importancia de cada unha delas ao longo da evolución da humanidade. Da Prehistoria podían escoller entre a lanza ou o lume; da Idade Antiga, o acueduto ou a muralla; da Idade Media, o castelo ou a igrexa; da Idade Moderna, a carabela ou a imprenta; e da Idade Contemporánea, o avión ou o automóbil. Con moita creatividade, esforzo e imaxinación, os nenos e nenas deron forma aos seus proxectos empregando materiais moi variados. O resultado foi unha exposición chea de traballos orixinais e sorprendentes, na que cada alumno/a puido presentar a súa creación e compartir co resto da clase todo o aprendido durante a actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.